CANTA COMIDA TIRAMOS?
SITUACIÓN DE PARTIDA

O desperdicio de alimentos constitúe un problema que ata o momento non chamara a atención pública debido a que o Estado do Benestar daba por sentado que a maior parte dos cidadáns europeos dispoñían do imprescindible para ter unha vida digna, comezando pola propia alimentación.

Non obstante, a crise económica a nivel mundial modificou substancialmente esta concepción e a alimentación da poboación máis desfavorecida e con menos recursos converteuse nunha prioridade. Así, e de cara a garantir unha repartición máis equitativa da comida, a comunidade internacional comezou a chamar a atención sobre a cantidade de alimentos que, nos países desenvolvidos, acaban botados ao lixo ao final do día e as utilidades que estes poderían ter na nutrición de moitas persoas.

É por iso que unha das primeiras medidas para loitar contra o desequilibrio e en consecuencia, reducir as tensións entre o crecemento do consumo e o aumento na produción que este supón, é promover tamén a diminución de perdas de comida, constituíndo unha oportunidade para alimentar unha poboación mundial en aumento. De feito, a previsión é que se requirirá un incremento mínimo do 70 por cento de abastecemento de alimentos en 2050.