COMPOSTAXE DOMÉSTICA
FAI COMPOST!

Se dispoñemos dunha vivenda unifamiliar con horto ou xardín, podémonos formular fabricar compost caseiro cos restos de alimentos e outros materiais orgánicos, obtendo así un excelente aboamento natural para o chan. O proceso non é máis que a descomposición biolóxica da materia orgánica en condicións controladas. É moi sinxelo e ten moitos beneficios, tanto ambientais coma económicos e sociais.

Dende o punto de vista ambiental, porque se logra depositar menos refugallos no colector verde convencional, propiciando unha redución da frecuencia de recollida e, polo tanto, das emisións de CO2 derivadas do transporte.

Dende a dimensión económica, porque, tendo en conta que a materia orgánica representa en torno ao 40 por cento da composición media da nosa bolsa de lixo, se se evita o seu depósito no colector xenérico, se verá reducido o importe da factura que os concellos deben pagar a Sogama.

E dende a perspectiva social, porque se trata de recuperar unha tradición en Galicia, como é a separación dos restos orgánicos para alimento do gando e/ou elaboración de compost, posibilitando que os habitantes do rural reduzan os desprazamentos que necesariamente deben facer aos colectores, polo xeral moi distanciados das vivendas debido á alta dispersión da poboación.

FABRICA O TEU PROPIO COMPOSTEIRO

O composteiro pódese comprar, pero se non queremos gastar diñeiro ou simplemente nos interesa apostar pola reutilización, que sería o ideal, a opción é fabricalo nós mesmos. Na rede pódense localizar múltiples exemplos e modelos en función do material do que dispoñamos. Non obstante, é preciso ter en conta que o recipiente debe situarse nun espazo no que non falte aireación, que conserve unha temperatura e humidade axeitadas, e que ille o contido da chuvia.

En todos os casos, é importante que o composteiro estea en contacto coa terra para que os organismos teñan acceso doado. O ideal é situalo nunha zona sombreada que estea protexida da humidade e dos cambios bruscos de temperatura. Os refugallos a depositar neste deben estar o máis esmiuzados posible para favorecer así a súa biodegradación. É conveniente que no fondo do recipiente formemos unha capa con restos de poda, favorecendo a aireación e drenaxe do lixo acumulado. Iriamos alternando capas de poda e de residuos. Isto axudaranos a evitar olores e mellorar a calidade do compost final.

Materiais que non debemos de depositar no composteiro:

Aceites vexetais e minerais, restos de plantas enfermas ou con pesticidas, insecticidas, etc., madeira tratada con pinturas ou vernices, produtos lácteos, peixe ou carne, follas de piñeiro ou eucalipto, excrementos humanos ou de animais domésticos carnívoros, medicamentos, cueiros desbotables, papel de cor brillante, imprimido con tinta de cor ou plastificado, obxectos duros, pedras, vidro, metal, plástico, tetra briks, baterías. ...